Cantar da xesta



Imaxe: Debuxo da autora do texto.

    Logo de moitas voltas polo mundo adiante e coa ollada, que non seus ollos, case tan cansa e doída coma a súa alma, repousou naquela esquina da terra.
Non tiña terras favoritas, non sería moi ético ser gardiá delas e andar con favoritismos a estas alturas dos tempos. Ademáis, todas e cada unha delas tiñan o seu "aquel" e ela, deixábase "aquelar" por todas...Aínda que últimamente moitas andaban a perder a súa maxia... Aparecían e desaparecían baixo extrañas e fumeantes brétemas: Brétemas de présas, brétemas de ruído, de silenzo, de indiferenza, de olvido, brétemas de poder, brétemas de muros, brétemas, brétemas, brétemas...

      E así estaba, cavilando naquel recuncho, cando a súa mirada cansa e doída quedou cuberta por unha tan fina e húmida que refrescaba a súa pel porosa e térrea. Axiña a recoñeceu! Era anterga, pura e limpa. Era auténtica e sanadora coma todas as que cobrían de cando en vez aquela esquina do mundo onde o sol tiña as súas Aras, os montes agochaban mámoas de mouras nunca esquecidas e os druidas aínda facían brebaxes nos soutos máis pechos.

     Refrescou: A pel, a mente e a mirada. E deixouse "aquelar" por ela. Xusto alí, preto do Olimpo Celta e onde o río funde no mar cun brinco.

      As angurias que se lle anoaban na gorxa tamén se "aquelaron", rubiron por ela ate se ceibar prendidas das raigañas na procura do zume e fundiron nel. Percorreron o talo e bifurcaron nas pólas fortes ate se multiplicar nas novas. E mesmo aí, onde as máis noviñas e flexibeis contorsionaban co vento, aí, liberou ao fin anoándoas entre centos de pequenas frores marelas abrochando o seu máis profundo desexo: Xesta!

                                    M.P.R.

* A xesta é un arbusto bravo moi característico en Galicia e que na nosa tradición e cultura era moito máis que un arbusto común xa que para os druidas tiña carácter sagrado. Ata nós perdurou o costume de facer vasoiras con elas e barrer a casa para purificala e tamén o facer nós coas súas pólas en calquera xesta atopada no camiño ou monte e pedir un desexo.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

O mar sempre volve

Zapatos sin pies

Marela