Marela
![]() |
Ilustración: Gemma Capdevila |
Marela non é unha cor,
nin unha vaquiña do prado,
viste con roupas de auga
de escuma son seus brocados.
Xoga ás agochadas
cos pelouros e as algas pardas,
aníñase nas furnas,
axeonlla nas pozas calmas.
Enreda coas chalanas
que no portiño remansan,
con tres navíos na mar chica,
tres que van pola mar alta.
Matarile rile rile,
matarile rile rón.
Marela agocha no fondo
as chaves dunha canción...
Un coro de ondiñas novas
veñen con ela cantando,
chascarraschean as cunchas,
as buguinas van chamando:
Eis a raíña dos mares
que bota o seu branco pano!
Marela non é unha cor,
é o nome da mar nena,
isa que brinca nas rochas,
esvara polas ribeiras.
esvara polas ribeiras.
A que deita as murallas
que se erguen nas areas,
no seu reino non hai muros
nin castelos, nin fronteiras.
Marela é a nena do mar,
a que medra coas mareas.
Marela é a mar nena,
libre, extensa, plena...

Comentarios
Publicar un comentario