Publicacións

Mostrando publicacións desta data: Agosto, 2019

A mar das illas

Imaxe
Imaxe: Espiral na Casa das Areas, Laxe. A mar das illas emerxe das entrañas. O Google Maps non é guieiro. Sobrepigmenta en pequenos trazos de terra firme, enchendo a Galería de imaxes. Nunha carpeta segura. Non compartida. Na inmunidade perpétua non hai bandexas de lixo, nin se precisan curas. Resistencia. Ben sei da terra virxe que protexo e o océano infinito que a baña. Eu son o único fenómeno que as atorde, en desaxuste, constante... Isobara. Viaxo e brinco a cada punto illado. Só eu gardo o peletre que axeita os lances. Piso, piso, piso, miro. Piso, piso, piso fóra! Piso, piso, piso sinto. Piso, piso, piso fóra! -Cántas levas? -O qué? -Voltas. -Non as hai , só idas... Nesta mariola, acariñan meus dedos as tatuaxes dérmicas da memoria... Nunha espiral de vida. Na que non hai volta.         

A derrota verdadeira.

Imaxe
Imaxe da autora: Casa das areas de Soesto,Laxe. Na Casa das Areas tamén se colle o voo para viaxar tan lonxe como che pete. Só hai que se deixar levar, ou, bailar no aire... Entón, as estancias nela encheranse de microcontos, como o das présas de area que soñaban con ser nubes viaxeiras e tanto o soñaron, tantas veces o tentaron, que nun sospiro do vento foron nube e despois de moitos outros, choveron dunas. Ao par dos soños viaxan as derrotas verdadeiras.