Publicacións

Non é unha folla

Imaxe
                        Nun bosque galego hai un oso que pasea...Por que leva xersei e gorro? E esa folla no curuto?....Para ver a maxia hai que chiscar un ollo e co outro ben aberto para que non escape 😉   Veña! Convídovos a que o fagades! Preparados para soñar co maxín?                              https://youtu.be/h5hfN2pILcs Imaxe e ilustración: Mónica Pérez Rivera                    

A mar das illas

Imaxe
Imaxe: Espiral na Casa das Areas, Laxe. A mar das illas emerxe das entrañas. O Google Maps non é guieiro. Sobrepigmenta en pequenos trazos de terra firme, enchendo a Galería de imaxes. Nunha carpeta segura. Non compartida. Na inmunidade perpétua non hai bandexas de lixo, nin se precisan curas. Resistencia. Ben sei da terra virxe que protexo e o océano infinito que a baña. Eu son o único fenómeno que as atorde, en desaxuste, constante... Isobara. Viaxo e brinco a cada punto illado. Só eu gardo o peletre que axeita os lances. Piso, piso, piso, miro. Piso, piso, piso fóra! Piso, piso, piso sinto. Piso, piso, piso fóra! -Cántas levas? -O qué? -Voltas. -Non as hai , só idas... Nesta mariola, acariñan meus dedos as tatuaxes dérmicas da memoria... Nunha espiral de vida. Na que non hai volta.         

A derrota verdadeira.

Imaxe
Imaxe da autora: Casa das areas de Soesto,Laxe. Na Casa das Areas tamén se colle o voo para viaxar tan lonxe como che pete. Só hai que se deixar levar, ou, bailar no aire... Entón, as estancias nela encheranse de microcontos, como o das présas de area que soñaban con ser nubes viaxeiras e tanto o soñaron, tantas veces o tentaron, que nun sospiro do vento foron nube e despois de moitos outros, choveron dunas. Ao par dos soños viaxan as derrotas verdadeiras.

Cantar da xesta

Imaxe
Imaxe: Debuxo da autora do texto.     Logo de moitas voltas polo mundo adiante e coa ollada, que non seus ollos, case tan cansa e doída coma a súa alma, repousou naquela esquina da terra. Non tiña terras favoritas, non sería moi ético ser gardiá delas e andar con favoritismos a estas alturas dos tempos. Ademáis, todas e cada unha delas tiñan o seu "aquel" e ela, deixábase "aquelar" por todas...Aínda que últimamente moitas andaban a perder a súa maxia... Aparecían e desaparecían baixo extrañas e fumeantes brétemas: Brétemas de présas, brétemas de ruído, de silenzo, de indiferenza, de olvido, brétemas de poder, brétemas de muros, brétemas, brétemas, brétemas...       E así estaba, cavilando naquel recuncho, cando a súa mirada cansa e doída quedou cuberta por unha tan fina e húmida que refrescaba a súa pel porosa e térrea. Axiña a recoñeceu! Era anterga, pura e limpa. Era auténtica e sanadora coma todas as que cobrían de cando en vez aquela esquina do mundo o

Aquí sempre é inverno

Imaxe
Imaxe obtida en thisisnthappiness.com Aínda que muden as horas e se alonguen as raiolas, seino ben, aquí sempre é inverno. Aínda que esvaeza o resío e se quenzan as follas, seino ben, aquí sempre é inverno. Aínda que o cuco chíe nas portas da primavera, seino ben, aquí sempre é inverno. Aínda que agromen as cores e os latexos cobren forza, seino ben, aquí sempre é inverno... E arroupo esta friaxe co mapa da miña viaxe, nesta cripta crioniza a preguiza de espertarme. Quero prender o sono nun folio en branco, que deseñe itinerarios. Que o desxeo me descobra en ruta salvaxe, ser camiño mariñeiro, desprenderme dos asfaltos. Andar ao matute das horas , de pingas frescas saciar a sede, encherme de luces novas, asubiar nos abrentes... Pintar o folio coas brochas dos latexos máis vivos. Aínda que aquí sempre é inverno, seino ben, abrigar ben do frío.

Camiño de seixo branco

Imaxe
Imaxe: Camiño de seixo branco na punta de vendaval da Praia de Soesto, indo cara o Carreiro dos vellos (pendente de ollada) Atopar un misterio non é cousa complicada, máis ben hai feixes deles en cada ollada, e iso é o que de verdade resulta máis custoso, tomar parte consciente do noso mirar. Virar a vista, pestanexar como se as pálpebras foran o voleteo inquedo dunhas ás e enfocar, encadrar  e  perforar co bisturí da ollada a imaxe, coma querendo operar nos seus adentros, remexendo nas vísceras do misterio e retomar o voo cos seus segredos ou o pracer de imaxinalos: "Era un brillo, puro e aventureiro. No principio dos días radio xemelgo dos outros. Luz de Orto. Tripulante das ondas. Remolón e xoldreiro, do Ocaso o derradeiro raio. Era brillo tamén na escuridade da noite, pois no seu insomnio perpétuo deixábase ver en longos paseos coma un lunático errante, debuxando soños e ansias de viaxe. No principio dos días, a finais do 28 non atopou onde errar e debuxou un

Encaixes de mar

Imaxe
Imaxe: Encaixes de mar entre Traba e Soesto- Laxe Ondas vestidas de mar nos embates da inmortalidade escumosa e fráxil... Así as horas palillan tempos de puntillas ataviados con filigranas de sal sobre almofadas pétreas. Nun baile de encaixes finos moven seus fíos na ribeira. Visten o mar as meniñas, e a alma enteira.