O barco, o ceo e o mar.



Sempre digo aos meus achegados que a mellor estancia da miña casa é a que teño da xanela para afora. Ese cuarto aberto ao mar e ao ceo no que me recreo e no que tantas veces apouso a mirada.

 Hoxe tocou sentar a vista no dique para ser testemuña dun dos intres mais emocionantes que teño observado e do que grabei 3 minutos.

Parece moito e non é nada e o é todo.

Moito para quen non ve nese tempo todas as ansias, ilusións, esforzo, dedicación, nervos...

Nada en comparación cos meses previos de traballo e os anos que lle agardan del.

Todo, porque neses 3 minutos as miradas de toda a xente que arroupa a botadura apousan no mar, nese líquido salitroso que unha vez máis recollerá o froito da terra nas súas augas. Coma un parto á inversa.

Iso é.
Tres minutos nos que se contraen as respiracións e o pulso acelera.
Tres minutos onde o ceo se viste de festa cos palenques e os chíos das gaivotas dan a benvida ao seu novo guía.

O ceo, o barco e o mar.
Podería ser o título dunha novela, podería namorar da coidada portada, da reseña que engancha, podería querer acariñar cada páxina, ulir o papel, (o cheiro dos libros novos arrecenden a alma) podería acomodar no sofá e lela aos poucos deixando que a súa prosa me conmovera...

Pero a vida agasalloume coas páxinas fŕaxiles, caducas, sensibles, emotivas e cautivadoras da estancia máis aló da xanela. Apouso a vista e namoro da súa portada, leo as pequenas liñas que nela se debuxan, cheiro o sentimento mesturado de argazos,  acomodo no vento e abrazo o ceo, os chíos de gaivota e acariño as augas do mar e ás súas bravías xentes que sempre me conmoven.

Longa vida ao barco, ao ceo e ao mar!
           
                                                   M. P . R.

* No axexo do dia 21 de Marzo do 2019. Botadura do "Pasa aquí".

O video subido no blogue non corresponde co que inspirou o texto. Por razóns de peso subín un acurtado que só recolle o intre no que o barco pousa a obra viva na auga.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

O mar sempre volve

Zapatos sin pies

Marela