Camiño de seixo branco

Imaxe: Camiño de seixo branco na punta de vendaval da Praia de Soesto, indo cara o Carreiro dos vellos (pendente de ollada)

Atopar un misterio non é cousa complicada, máis ben hai feixes deles en cada ollada, e iso é o que de verdade resulta máis custoso, tomar parte consciente do noso mirar. Virar a vista, pestanexar como se as pálpebras foran o voleteo inquedo dunhas ás e enfocar, encadrar  e  perforar co bisturí da ollada a imaxe, coma querendo operar nos seus adentros, remexendo nas vísceras do misterio e retomar o voo cos seus segredos ou o pracer de imaxinalos:

"Era un brillo, puro e aventureiro.
No principio dos días radio xemelgo dos outros.
Luz de Orto.
Tripulante das ondas.
Remolón e xoldreiro, do Ocaso o derradeiro raio.

Era brillo tamén na escuridade da noite,
pois no seu insomnio perpétuo deixábase ver en longos paseos coma un lunático errante,
debuxando soños e ansias de viaxe.

No principio dos días, a finais do 28
non atopou onde errar e debuxou un camiño
nunha fenda labrada aos pés da ribeira,
nunha costa batida de mar, alí onde gostaba bañar e se cubrir de escamas brancas.

Rubiu paseniño entre as rochas cobertas de arneirón e deslizou. Foi enchendo aquel espazo escuro e profundo e amoldou, cristalizou entre os "grisesverdespardos" da costa e fíxose camiño firme, estreito e libre.

Foi así como o atopei, bañado de luz, nun trazo perfecto e serpenteante de seixo branco que mesmo parecera que vén do mar ou que a el regresa...Agardando a marea morta dos días para seguir a ser tripulante das ondas."






Comentarios

  1. unha vea branca
    salitre en vez de sangue
    entre o pétreo granito
    máxica pantasma
    das entranas da terra
    xeiso branco
    como o leite
    que alimenta
    a nosa alma

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

O mar sempre volve

Zapatos sin pies

Marela