Pés de lama
![]() |
Onte descubríronme outro tesouro máis da nosa fala e que por máis que busco nas redes dixitais ou na RAG non atopo nada que faga referencia a esta viraxe da lingua que me ten enfeitizada. Moito nos queda por atesourar nas vivencias, na mesma contorna, nos miolos ou mesmo na nube inmensa da tecnoloxía para que, dalgún xeito, non nos perdamos nós tamén.
Houbo,
algún queda,
camiños feitos de durezas.
de fame,
suor,
e ansias da terra.
Coma vasos sanguíneos que a percorren,
os pasos nosos neles latexan
construindo o sistema circulatorio da nosa esencia.
Entre valados cubertos de musgo sobre a pedra seca,
artellando,
desfigurando,
para figurar nunha simbiose perfecta.
Cada pegada leva unha historia.
Cada historia un camiño.
Cada camiño unha "vella morta"
na que afundirnos...
Na que loitar nos adentros ate perder os zapatos na lama e botar a andar de novo.
O camiño.
Unha vez máis.
Sen solas.
A soas.
Pel a pel cos sentidos.
Grabar as súas coordenadas para sortear o destino.
Coma quen lambe o sangue vertido das propias veas.
*O meu agradecemento a Carmen da Bugalleira por me descubrir este tesouro da lingua.
As "vellas mortas" son aquelas fochancas de barro ou lama que no chan mollado de chuvia dos camiños eran complicadas de percibir pola vista e ao pisalas, atrapaban os pés ate afundilos e custaba desprendese delas ate mesmo chegar a perder os zapatos na loita. Para aprender a sortealos había que ser asiduo viaxeiro dese camiño.

Comentarios
Publicar un comentario