Oso pardo, oso pardo, onde está a paz?
Na coviña morna que convida a soñar.

Paxaro vermello, paxaro vermello, onde está a paz?
Nos anacos de ceo nos que boto a voar.

Parrulo amarelo, parrulo amarelo, onde está a paz?
Nos ríos xoldreiros que viaxan ao mar.

Cabalo azul, cabalo azul, onde está a paz?
Nas chairas de herba nas que gosto trotar.

Rá verde, rá verde, onde está a paz?
Nas pozas de orballos que me fan brincar.

Gato morado, gato morado, onde está a paz?
Nas raiolas de sol que me quecen o lombo,

Can branco, can branco, onde está a paz?
No cheiro das brisas novas que ando a uliscar.

Ovella negra, ovella negra, onde está a paz?
Ao abrigo das apertas tecidas de lá.

Peixe laranxa, peixe laranxa, onde está a paz?
Nos cardumes que bailan coas ondas do mar.

Na coviña morna,
nos anacos de ceo,
nas chairas de herba,
nos ríos xoldreiros,
nas pozas de orballo,
nas raiolas de sol,
no cheiro das brisas,
ao abrigo das apertas,
nos cardumes que bailan no mar.

Nos ollos das crianzas que asombran...

                                 PAZ

*Inspirado no conto "Oso Pardo" de Eric Carle e con motivo da celebración do Día da Paz 2019. Educación Infantil CIclo 0-3.
"Devolverlles un pouquiño do que me dan, grazas aos pequechos e pequechas que me permiten asombrar cada día a través da súa mirada"

Comentarios

Publicacións populares deste blog

O mar sempre volve

Zapatos sin pies

Marela