Os contos na saia
Fóisenos o aloumiño caldo das nosas miradas,
mais non a maxia.
Fóisenos escorrendo entre as partículas corregosas do tempo as súas pausas...
Mais non a maxia.
Fóisenos desfacendo o nobelo de lá vella coa que tecemos camiño...
Mais non a maxia.
Fóisenos o bico tenro, os pasos de ganchete e o beliscar a memoria nas roupas do armario...
Mais non a maxia.
Fóisenos o parolar nos abrentes das sestas, os risos do sangue, as manciñas pretas…
Mais non a maxia:
Dunha mirada,
dunha pausa,
![]() |
| Ilustación: Autor/a descoñecido. |
de bicar o sangue das nosas lembranzas
e tecer as palabras atesouradas
dos teus contos na saia…
Parecera que se nos foi todo,
mais todo é o que queda e se arrastra...
Recompoñer e abrigarmos,
na túa maxia...

Comentarios
Publicar un comentario