Lúa
![]() |
| Ilustración de Gaudio´s Design |
Todos a soñar: As flores, os peixiños, as nubes vermellas, mesmo as augas… pero ela non prendía o sono e ben sabía que sen él os SOÑOS non virían.
Soñaba esperta cada noite.
Nas fases crecentes enchíase de plans e utopías.
Nas decrecentes minguaba de gañas e ansias.
Pechaba os ollos coma se adormecera e deixaba bulir a cabeza, era o que máis se lle asemellaba...
Pero Lúa non tiña lugar no que afondar seus pensamentos, e os mares dos soños son mesmo iso, o espazo no que se forxan e fixan: O aprendido, as ideas, os proxectos, os desexos…
"Será que o meu brillo será sempre doutro? Será que a miña viaxe é rondar outros soños? Será que por ser lúa non teño dereito aos meus propios?"- Atormentábase.
Veu o Sol visitala naqueles días. Xuntos compartiron un tempo o ceo das luces:
-Sol, ti durante o día podes ver os soños?
-Non podo non, eu só vexo os feitos da vida. Non ves que os soños son da noite e as noites son túas?
-Pero eu non adormezo e non podo velos...Pecho os ollos, tento...máis non veñen a min.
-Lua, Luiña…Eu son a luz dourada que ve pasar a vida e ti eres dos soños a tinta de prata que os pinta!
E volveron as noites súas, as fases minguantes e ás escuras...
E unha noite, no ceo, Lúa colleu folgos, enchiuse oronda de ansias, pechou os olliños e dun sospiro profundo deixou marchar o seu brillo.
Ben esperta e atenta escolleu un lenzo de cartolina castaña para espallar seus reflexos con tinta da China branca.
Fixou un sorriso na faciana, e soñou debuxando soños, que era o que máis se lle asemellaba.
* Deixádevos de cando en vez bañar co brillo da Lúa, din que no repouso calmo da noite é boa e xenerosa e comparte deseños fermosos.

Grazas Gaudio pola túa xenerosidade!
ResponderEliminar