Cinco veces primavera
Cando a miña filla era cativa escoitou a alguén dicirlle a outra persoa que tiña "x" primaveras e aquilo chamoulle moito a atención.
Aquel mesmo día e antes de se deitar aproveitou para consultar nesa enciclopedia que parecera que levamos todas as nais e pais xusto cando ás fillas e fillos lles pica o pancho e a nós xa nos vai pesando o matute do día:
.
-Mamá que son as primaveras?-Preguntoume.
Ben! Aquel tomo tíñao ben á man e expliqueille claramente que era unha tempada do ano, que ano tras ano repetíase detrás do inverno, en que mes empezaba e en cal remataba e as súas características...O nacer das flores, o espertar dos bichiños todos, o medrar da luz dos días...
Ela abriu moito os olliños e con ese saber ilustrado e inédito das crianzas todas respostoume:
-Pois eu teño cinco e aínda non me medraron as flores!
Como poderedes imaxinar tocoume engadir unha nova entrada na acepción da Primavera.
Primaveras: fem. pl. Anos de vida dunha persoa nos que florece a maxia. Habitualmente as persoas soen deixar de percibila cando xa só contan polo sistema numérico decimal e sendo quen de volver a sentila cando se rodean de crianzas.
Aquela noite cando o pancho xa picara e o meu matute xa estaba pousado deixei que a súa maxia me envolvera
Hoxe a miña pequena flor de inverno cumple 16 primaveras e todavía irradia maxia a raudais.
Cinco veces primavera.
A maxia envolta de cores medra na porta do pais que tras dela se agocha.
Pendurada nun ollar,
cinco veces primavera.
En ti.
En min.
Nas nosas cores.
Na que es.
Na que eu fun cinco veces,
tamén,
primavera.
Nas nubes caprichosas.
No reflexo de augas limpas que cobren ou descobren rochas.
Nas verbas vellas,
nas novas.
No`porque si e no porque non das cousas:
Simplezas e reviravoltas.
No medrar das cores cinco veces petar na súa porta
e tantas outras atisbar polo buratiño enferruxado,
escoitar o laio das bisagras tortas...
Antes e sempre:
Cinco veces primavera
e de maxia envoltas...
![]() |
| "Pinto flores para que así no mueran" Ilistración da autora. Cita de Frida Kahlo |

Un placer, como siempre, leerte
ResponderEliminarMuchisimas gracias. Para mi un placer tenerte ahí.😘😘😘
ResponderEliminar😍😍😍😍😍😍🤩
ResponderEliminar😍😍😍😍😍
ResponderEliminar