Canto custa o pan

Sonche moi panceira...Tanto me ten molete que baguette. Pero recoñezo que hoxe, xusto hoxe que os sentimentos andan a flor de pel e unha das luces máis potentes da miña vida vaise apagando, caeume, grazas a meu pai, un panciño ben xeitoso; coma os que viñan parar á casa cada día da miña infancia, deses que dan gaña de sacarlle brillo a lambetadas, arrincarlle o teto dun belisco e furar no miolo coma un ratiño no millo, non sen antes botar a carreira dende o autobús da escola para ser a primeira dos cinco irmáns en dárllela volta e descubrir o seu valor para logo, sentadiños á mesa agardando polo xantar, xogar a : Canto custa o pan? O que "pandaba" sentíase por un día dono ou dona do segrego mellor gardado do bolo e polo tanto posuidor dunha información de tal importancia que nunca se vira tal espectación nos oito olliños que o envidiaban. Non había máis premio para os cinco que poder comer un cachiño da codia engrafitada...A que gañaba era miña nai que co arte caligráfico e os prezos oscilantes do panadeiro conseguía cinco anxiños na mesa ate que a sopa estaba no prato.

Bendito molete e a súa fartura:

 Na casa, sopas de pan con leite para almorzar.
 Na casa da avoa, chulas de pan para merendar ou torrixas con azucre...E aínda coas sobras do pan duro e barolento apañaba miña avoa, xunto coas mondas das patacas, un guiso para as galiñas que, para o meu abraio, moito lles sabía. Os netiños a picar no pan, as quicas  a picar no guiso... A avoa Sara sempre tivo unha man especial para as galiñas e para os netos todos.

Hoxe no meu refuxio úleme ao patio da casa de abaixo cando na lareira fervía o pote da avoa e as miñas mans queren bailar a muiñeira do pan...Hoxe, que a súa luz vai minguando síntoa máis potente ca nunca...

Hoxe se xogáramos os cinco:

" - Canto custa o pan ?
   -O pan...o pan non ten prezo!"

Comentarios

Publicacións populares deste blog

O mar sempre volve

Zapatos sin pies

Marela